A Asociación Galega de Áridos (Arigal) completou esta mañá a doazón de 525 árbores de especies frondosas á Asociación Forestal Galega ( AFG).
Trátase dunha achega da organización do V Congreso Nacional de Áridos, celebrado en Santiago en outubro pasado. Naquela cita comprometeuse unha doazón para a recuperación de zonas afectadas por incendios, que a AFG destinou a repoboar un monte da localidade de Chan do Millo, en Ponteareas (Pontevedra) con carballos, castiñeiros e bidueiros autóctonos nunha superficie de case unha hectárea. A zona foi afectada moi gravemente polos incendios de outubro de 2017.
Ao acto desta mañá asistiron representantes de Arigal, da AFG, da Consellería do Medio Rural e da Cámara Mineira Oficial de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro do compromiso de responsabilidade social do sector dos áridos e da minería de Galicia coa protección do medioambiente e a biodiversidade.