UN SECTOR EN FORMACIÓN CONSTANTE

 

O capítulo de formación é unha das prioridades da Asociación Galega de Áridos debido ás complexas características técnicas dos traballos que se desenvolven nas explotacións mineiras. Nos últimos anos fíxose un gran esforzo dende o colectivo, que conta coa vantaxe de poder impulsar estas accións de xeito global, para organizar distintas actividades que incrementen os coñecementos teóricos e prácticos dos executivos e empregados das canteiras galegas, o que permitíu acadar un balance total de máis de 20.000 horas de formación e preto de 700 asistentes no último trienio.

Os cursos, seminarios e xornadas técnicas, algúns dos cales organízanse en colaboración coas administracións públicas, outras organización profesionais e sectoriais ou institucións universitarias, teñen abordado cuestións transversais dos eixos estratéxicos do ramo, como a prevención de riscos laborais, a seguridade e saúde laboral, a responsabilidade medioambiental e a ordenación do territorio ou capacitación técnica, entre moitas outras materias. Asimesmo, celébranse accións formativas máis específicas de interese para o sector, como a incidencia do canon da auga nos áridos, os custes enerxéticos e o mercado eléctrico ou a identificación e trazabilidade dos explosivos con fins civís. Neste caso, esta xornada supuxo o punto de partida para que Arigal creara unha solución pioneira e propia para a súa xestión por medio das novas tecnoloxías denominada Atrazex.

Tamén se organizan iniciativas de carácter formativo -ata 20 por exercicio e con intercambios co Gremi d´Arids de Cataluña- centradas nas demostracións de Atrazex, no uso das novas tecnoloxías, no transporte, manexo de palas e outra maquinaria, nas tarefas de artilleiro de explosivos ou na eficiencia enerxética.

Redución da siniestralidade

A mellora das condicións técnicas e de seguridade e saúde do persoal son fundamentais na traxectoria de Arigal e, por iso, as accións formativas veñen complementadas coa realización de numerosos estudos sobre os principais problemas profesionais co obxectivo da súa corrección e desaparición.

O plan formativo de Arigal, que é un dos máis ambiciosos da Unión Europea, permitíu reducir a siniestralidade laboral nun 83% nos últimos oito anos, ademais de contribuír á mellora e modernización das canteiras. Segundo os datos oficiais do Observatorio de Seguridade da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), o Índice de Incidencia da siniestralidade, que calcula a cifra de accidentes por cada milleiro de traballadores, dividiuse por seis dende o ano 2008. Naquel exercicio, este coeficiente situábase en 10.144 puntos e o pasado exercicio pechou en 2.974, situándose a estimación para 2016 en apenas 1.678 puntos. Esta baixa siniestralidade supón un dato histórico que reflicte os esforzos realizados desde Arigal e tamén nas empresas na área de formación para mellorar as condicións de traballo e modernizar as súas instalacións.

Nesta liña, e con moitas outras accións formativas de prevención de riscos orientadas ao obxectivo “Cero casos” na afección do pó e a sílice, Arigal ten en mente a medio prazo culminar todo este proceso coa creación dun ambicioso Servizo de Prevención Mancomunado (SPM) que permitiría completar o círculo formativo na área de seguridade e saúde. Esta idea consistiría na posta en marcha dunha iniciativa que conte con especialistas, unifique os criterios de mostreo e postos de traballo, avalíe os datos e impacto da situación, propoña medidas corretoras eficientes e maximice os recursos, garantindo un servizo óptimo cun custe empresarial asumible.

Novo Plan de Seguridade Mineira

Arigal segue a intensificar as accións no eido da formación, a seguridade e a saúde laboral nas canteiras e afrontará en 2017 un novo Plan de Seguridade Mineira que beneficiará a uns 500 empregados, o que supón máis do 60% dos que traballan nas preto de 50 canteiras das firmas afiliadas.

A asociación recibíu a petición de medio milleiro de empregados, que deben renovar a súa formación cada dous anos ao tratarse dun sector sensible e especialmente implicado na mellora constante das condicións de traballo, e xa ten o visto bo do Goberno central. En principio, programaranse 80 horas de actividades teórico-prácticas no marco deste proxecto.

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 73 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 75 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2022 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 46,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal