LÍDERES EUROPEOS EN RESTAURACIÓN AMBIENTAL

 
Desde a súa creación en 1999, a Asociación Galega de Áridos sustenta a súa estratexia económica e empresarial na filosofía da minaría responsable, que se plasma, principalmente, na execución de proxectos de recuperación medioambiental dos espazos excavados e das zonas degradadas tras a súa utilización como centros de extracción e traballo. Froito destas actuacións, Arigal e os seus asociados teñen restaurado máis de 600 hectáreas de superficie e repoboado máis de 40.000 árbores no último lustro.

As actuacións en materia de recuperación medioambiental céntranse en deixar os terreos traballados nun estado natural óptimo, que, en moitas ocasións, mellora a situación anterior á extracción e que, nalgunhas outras, crea novos hábitats e ecosistemas de gran valor natural que favorecen a implantación de novas especies de flora e fauna autóctona. Todos estes proxectos inclúen, como mínimo, unha actuación centrada no suavizado de taludes e na recuperación do chan con sementes de terra vexetal e materiais nutrintes, para pasar posteriormente á prantación de especies vexetais autóctonas co obxectivo de conseguir unha integración perfecta co medio natural preexistente.
A partires desa recuperación pódense artellar proxectos máis ambiciosos para dotar ás zonas de traballo das canteiras dunha segunda vida útil como espazos medioambientais, industriais, de lecer, de servizos ou de uso agrícola. Estas apostas son bastante cotiás entre os asociados de Arigal e, de feito, nos últimos anos xa se artellaron máis dunha decea de proxectos singulares na comunidade galega, algúns dos cales foron incluso recoñecidos e distinguidos a nivel europeo.

Deste xeito, e con accións tan significativas como a premiada lagoa de Begonte, o lago das Pontes, a recuperación da lagoa e os humidais de Antela, o complexo empresarial de Salvaterra, a zona agrícola de Frades ou a construción do Pazo da Ópera da Coruña nunha canteira, entre outros exemplos, o sector extractivo contribúe con accións medioambientais ao beneficio da sociedade baixo a filosofía da minaría sostible e responsable, polo que se sitúa á cabeza de Europa en rehabilitacións ambientais de espazos afectados polo aproveitamento de recursos minerais naturais. Estes espazos recuperados, sobre todo os adicados ao lecer, téñense convertido en moitos casos en zonas de referenza turística e de tempo libre, contribuíndo á mellora da calidade de vida da sociedade civil ao habilitar novas opcións de esparcemento.

Por outra banda, Arigal e os seus asociados tamén centran gran parte da súa política de recuperación de espazos na reprantación de árbores, nomeadamente de especies autóctonas, como fonte de vida e de restauración do medio natural. Concretamente, nos últimos cinco anos téñense repoboado máis de 40.000 árbores en antigos espazos de extracción de áridos.

Ademais destas accións, a responsbailidade medioambiental de Arigal tamén se estende ao ámbito educativo e divulgativo, o que motiva que anualmente se organice con escolares de toda a comunidade unha xornada didáctica de prantacións denominada Día dos Áridos, as Árbores e a Biodiversidade. Esta actividade, que se celebra cada 17 de marzo de manera coordinada co resto de colectivos empresariais do sector en toda España, alcanzará a súa décima edición en 2017. 

A través dela preténdese concienciar aos cativos da importancia e a utilidades dos áridos, así como favorecer o seu coñecemento sobre o funcionamento das canteiras galegas. Ao mesmo tempo, os alumnos descobren as propostas de minaría responsable e os numerosos proxectos de recuperación medioambiental de espazos degradados promovidos polas empresas asociadas nunha xornada lúdica de aprendizaxe ao aire libre.

Para Arigal, o Día dos Áridos, as Árbores e a Biodiversidade conta con suma importancia para promover a divulgación das accións do sector, tanto as puramente empresariais como as orientadas ao impulso do medio ambiente, entre a poboación infantil, que é o público idóneo pola súa capacidade de absorción e por ser o encargado de tomar o testemuño da sociedade no futuro.

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 60 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 70 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2015 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 37,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal