Quen coñece Galicia sabe que non é o seu caso, pois é un territorio verde e húmido, pero nos últimos anos o clima está experimentando importantes variacións, provocando o avance da influencia mediterránea en zonas de transición climática como a provincia de Ourense.
Fenómenos como o da desertificación teñen que ver, en gran medida, coa pegada humana. Por exemplo, as actividades ligadas ao uso do solo rústico resultan imprescindibles para o desenvolmento socioeconómico do noso país, pero ese uso conleva de xeito natural uns impactos que é preciso xestionar co fin de que a explotación dos recursos naturais non condicione o futuro das xeneracións vindeiras.
Neste sentido, o sector galego dos áridos está plenamente concienciado da necesidade da restauración de espazos naturais nos que se desenvolven as actividades extractivas para integralos na súa contorna potenciando a súa biodiversidade. Todas as explotacións contan con Plans de Restauración dos espacios afectados axustados á normativa vixente, pero as empresas galegas de áridos tentan ir máis alá mediante a investigación e posta en práctica de iniciativas tendentes a acrecentar o coñecemento sobre o medio natural que permita favorecer a biodiversidade.
De espazos mineiros activos a zonas de Rede Natura
Entre esas iniciativas destacan os traballos de recuperación dos espazos ocupados anteriormente por dúas explotacións de áridos no interior de Galicia (nas provincias de Lugo e Ourense) e que agora son dúas zonas húmidas de referencia, que forman parte da lagoa de Begonte, preto de Vilalba, e da lagoa de Antela, na Limia.
A primeira delas, situada no concello de Begonte (Lugo), aséntase nunha zona chá ocupada por especies arbustivas e con abundante presencia de pedra en superficie. Hai 30 anos a compañía Erimsa comezou a extraer cuarzo e outros áridos, xerando diversos ocos que, de xeito natural, foron enchéndose de auga formando unhas lagoas con zonas de augas someras que favoreceron a implantación dunha abundante e variada flora. Como puidemos comprobar in situ, ademais de herbáceas e arbustivas, conta con salgueiros, ameneiros, sabugueiro e, a maiores, atopamos o cardiño da lagoa. En canto á fauna, destacan as acuáticas, entre elas especies como o lavanco real, o pato cuchara ou a cerceta común.
A creación deste espazo único por parte de Erimsa supuxo a súa declaración como zona de protección especial dentro da Rede Natura e da Zona de Especial Conservación (ZEC) Parga-Ladra-Támoga. Erimsa tamén impulsou un ambicioso proxecto para dotar á contorna de actividades de ocio e científicas e para o estudo das aves. Desta forma tamén reverte no pobo parte dos beneficios logrados coa extracción de áridos durante anos.
Así se recupera a que fora a lagoa máis grande de España
En Ourense, na zona da Limia, as empresas Graveras Castro, Corporación Arenera da Limia e Áridos Antelanos, asociadas en Arigal, levan a cabo un proxecto de restauración ambiental de espacios escavados con recuperación de zonas húmidas na lagoa de Antela e que constitúe un dos proxectos máis importantes de toda Europa. O obxectivo é acadar unha recreción do estado orixinal da lagoa na década dos anos cincuenta do século pasado, antes de que, primeiro a agricultura, e a actividade mineira despois, transformaran a paisaxe.
O proxecto, que se suma á iniciativa desenvolvida por “LIFE Rexenera Limia”, é ambicioso, dado que a lagoa de Antela chegou a ser a máis grande de España, con 42 quilómetros cadrados de extensión. A nova zona húmida, como puidemos comprobar, está collendo pouco a pouco o aspecto definido no plan de recuperación e xa é posible observar unha grande variedade de aves e fauna acuícola, sobre todo cegoñas, que teñen os seus niños na contorna e que son cada vez máis numerosas, multiplicándose por dez nos últimos 30 anos.
Tamén puidemos observar as zonas de augas superficiais habilitadas para que as aves acuícolas poidan aniñar nelas. A isto súmase a creación de observatorios e de pequenas illas que permiten que as aves non sexan molestadas.
No proxecto inclúense, ademais, varias intervencións para garantir un estado de conservación propicio para os hábitats das especies que habitaron a zona no pasado. Segundo Arigal, este tipo de accións contribúen ao beneficio da cidadanía baixo a filosofía da minaría sostible e responsable