Esta realidade fai que gran parte dos recursos extraídos das canteiras e graveiras se destinen para o consumo local. No caso de España, a conxuntura vivida a partir de 2007 provocou que a produción de áridos pasase dos 486 millóns de toneladas aos 96 rexistradas en 2017. O consumo de áridos situouse nas 2 toneladas por habitante ao ano actuais, cando o desexable é manterse por encima das 5 toneladas.
Con todo, a situación do sector da construción e a obra pública fai necesaria a procura de novos camiños e sumar a diversificación de mercados á que xa se vén realizando nos produtos.
Primeiros pasos para saír ao exterior
Neste sentido, a superación do límite local e, por tanto, dos condicionantes que supón o custo de transportar os áridos máis aló de 60 km dos seus centros de explotación, é o eixo sobre o que se está actuando desde entidades como Arigal. Galicia está situada no corredor marítimo do Atlántico, unha posición chave para converterse en provedor de referencia de áridos para o resto de Europa.
E xa están en marcha diversas iniciativas para potenciar este cambio de modelo que pode supoñer un gran estímulo para o sector. Unha delas parte da propia Asociación Galega de Áridos, que ten en previsión realizar un catálogo de áridos para mostrar a compañías, investidores e traders internacionais os produtos de áridos que existen na nosa comunidade.
Para a súa comercialización espera traballar estreitamente cos principais portos galegos. E os pasos xa se están dando en actividades relacionadas, como a produción de pedra. En 2017, prevese que o novo porto de Langosteira, na Coruña, exporte ata 100.000 toneladas de pedra para a construción do dique do porto de Calais, en Francia. Sen dúbida, isto senta un precedente que debe seguir moi de preto o sector dos áridos para aplicalo á súa propia realidade.
Maior dimensión
A internacionalización dos produtos de áridos é unha necesidade para reducir a dependencia da demanda doméstica, pero tamén para aumentar a dimensión do sector e as súas empresas. Nos países da Unión Europea prodúcense 2.700 millóns de toneladas de áridos, procedentes de 26.000 explotacións de 15.000 pemes. Son datos de gran relevancia, pero a facturación conxunta deste tecido empresarial ten aínda moito potencial para medrar por encima dos 15.000 millóns de euros que factura a día de hoxe.
O reto é mirar máis ao exterior cunha estratexia que supoña a creación de empresas de maior dimensión para acometer investimentos e crear emprego. Nese novo horizonte, o negocio internacional é unha xanela de oportunidades.