Os 7 principais cambios do novo Regulamento de Explosivos

Os 7 principais cambios do novo Regulamento de Explosivos

O pasado 4 de marzo entrou en vigor o novo Regulamento de Explosivos, aprobado no Real Decreto 130/2017, unha normativa sobre a que xa se organizaron numerosas xornadas informativas por toda a xeografía española, algunhas das cales contou coa participación de Arigal.

Nas súas intervencións, Arigal tentou aclarar os puntos máis novidosos desta normativa, que se poden resumir en 7 grandes aspectos:

1.- Regúlanse por primeira vez as fábricas móbiles de explosivos, que estarán constituídas por Unidades Móbiles de Fabricación (denominadas MEMUs), un depósito de produtos terminados e, no seu caso, depósitos auxiliares, integrados ou non nunha fábrica fixa de explosivos. Este cambio entrará en vigor a partir do 31 de decembro de 2018 segundo a Disposición Transitoria 6ª (D.T. 6ª).

2.- A normativa tamén regula os equipos de bombeo de emulsións, suspensións ou xeles, a granel de interior, coa posibilidade de sensibilización do explosivo para o seu uso nas explotacións mineiras de interior e obras subterráneas. Será aplicable desde o 31 de decembro de 2018, segundo a Disposición Transitoria 6ª (D.T. 6ª).

3.- Nace a figura do consumidor de explosivos autonómico, aínda que, no caso de ser consumidor en provincias de diferentes comunidades, é obrigatorio a autorización como consumidor de explosivos de ámbito nacional.

4.- Hai unha actualización dos modelos e formatos de libros, rexistro e guías de transporte, así como os procesos de tramitación electrónica, que terán efecto a partir do 2 de outubro de 2018, segundo a Disposición Transitoria 6ª (D.T. 6ª).

5.- Do Regulamento Xeral de Normas Básicas de Seguridade Mineira (RGNBSM) impórtase a nova ITC 34, correspondente aos requisitos mínimos de seguridade que deben cumprirse nas operacións de transporte interior de explosivos. Entre elas, destacan as operacións de transporte no interior das instalacións mineiras ou instalacións de consumo do explosivo, así como no interior dos recintos das fábricas e depósitos de explosivos.

6.- Un dos puntos máis relevantes é a creación dunha nova ITC 8 para regular as condicións e requisitos preceptivos para a obtención do carné de artilleiro, que corresponde á habilitación específica que acredita a capacidade técnica e laboral dos traballadores que manexan, manipulan e utilizan explosivos, de conformidade co establecido no artigo 124 do Regulamento de Explosivos. Así mesmo, regúlase a figura do auxiliar de artilleiro. Entrará en vigor o 4 de marzo de 2018, segundo a Disposición Transitoria 6ª (D.T. 6ª).

7.- Finalmente, este novo Regulamento incide na definición de técnica mineira, entendendo por ela calquera emprego de explosivo, incluídos túneles, con algunha novidade importante nas polvoreiras auxiliares de consumo.

A pesar da disposición transitoria sexta, que permite unha demora na implantación dos cambios, desde as diferentes áreas de Industria e Enerxía das Administracións Públicas de todo o territorio nacional está a animarse a todos os consumidores de explosivos a implantar o máis axiña posible estas novidades. Isto redundará nunha transición moito máis efectiva e tranquila para os consumidores finais.

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 73 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 75 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2022 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 46,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal