Este material de carácter divulgativo ten por obxectivo dar a coñecer un pouco mellor a xeoloxía de Galicia, unha zona moi rica e cun gran patrimonio xeolóxico. Unha unidade didáctica que tamén pretende achegar aos estudantes de secundaria de bacharelato á xeoloxía do lugar onde viven mediante figuras, gráficos ou mapas que axudarán en gran medida a afianzar o seu coñecemento neste campo das ciencias naturais.
A unidade está dividida en 14 láminas en formato A3, nas que se amosa a evolución xeolóxica de Galicia desde a súa orixe ata os nosos días, facendo tamén énfase nas distintas zonas en que está dividida Galicia desde o punto de vista xeolóxico, os diferentes tipos de rochas que existen e que minerais industriais se atopan nesta rexión. Pero en especial o seixo, un mineral estratéxico que o Grupo Ferroatlántica explota en 4 xacementos (Mina Sonia, Mina Serrabal e Mina Esmeralda, na provincia da Coruña, e Mina Conchitina na provincia de Lugo). Dada a importancia que teñen estes xacementos de seixo para Galicia, inclúese tamén unha lámina de cada unha delas.