Arigal reforza a súa marca co lanzamento dunha nova web que dá un maior protagonismo á divulgación sobre o sector

Arigal reforza a súa marca co lanzamento dunha nova web que dá un maior protagonismo á divulgación sobre o sector

- O seu deseño máis visual e responsive facilita o contacto desde os dispositivos móbiles.
- Gaña un maior peso a información corporativa e sectorial, ademais da comunicación coa sociedade.

 

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) vén de lanzar a súa nova web corporativa, que incorpora un deseño máis visual, en liña coa evolución que a marca experimentou en 2016, ano no que a Asociación estrenou a súa nova identidade corporativa.

A súa apariencia e estrutura tamén teñen unha razón funcional: están adaptadas para o seu acceso desde dispositivos móbiles (responsive), que son precisamente as canles de acceso a Internet de maior crecemento neste momento e desde as que cada vez máis se consulta información sobre o sector dos áridos.

Na presentación da web estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, dado que o organismo que dirixe colaborou neste proxecto xunto coa Deputación de A Coruña. Ao evento tamén asistiu o presidente de Arigal, José Lista, e o seu director, Carlos Martínez.

García Gómez destacou “o compromiso de Arigal coa lingua propia de Galicia, desde as súas accións de responsabilidade social co territorio e coa comunidade na que se asenta esta industria que leva xa case 20 anos liderando o seu sector”.

Máis importancia á divulgación do sector
No seu empeño por dotar ao sector dunha maior visibilidade, Arigal concede un espazo máis destacado ás áreas de comunicación e plataformas sociais na nova web, de forma que sirvan de ferramentas clave para contactar coa entidade e os seus asociados.

No marco desa visibilidade e transparencia, o novo sitio facilita a localización das explotacións mineiras e os seus produtos a través  dunha páxina que organiza as empresas segundo a tipoloxía de materiais e a súa localización nun mapa de Galicia. Ademais, póñense á disposición de todos os usuarios os datos de contacto de cada compañía, para un acceso máis fácil e áxil.

A información corporativa sobre a Asociación e as características e dimensións do sector dos áridos en Galicia adquiren un maior protagonismo. Cómpre recordar que os áridos son a segunda materia prima máis consumida, só superada pola auga. Cada galego consome 2.800 quilos de áridos ao ano.

O sitio web reserva unha área restrinxida para os asociados, na que poderán consultar comunicados de carácter interno e novidades de interese para o seu negocio. Tamén se pode acceder con clave privada á plataforma da aplicación tecnolóxica Atrazex, un proxecto de innovación referente no sector dos áridos no eido nacional (emprégase en máis de 300 canteiras de 13 comunidades autónomas).  


Podes visitar a nova web de ARIGAL aquí  www.arigal.gal

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 73 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 75 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2022 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 46,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal