Arigal colabora coa Xunta de Galicia na xestión de áridos reciclados para fomentar a economía circular no sector

Arigal colabora coa Xunta de Galicia na xestión de áridos reciclados para fomentar a economía circular no sector

-  O obxectivo é optimizar a valorización das máis de 700.000 toneladas de residuos de construción e demolición xerados ao ano na comunidade.

-  Así o recolle un informe elaborado en colaboración coa Xunta de Galicia e a consultora Esmin Ingeniería.

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) colabora coa Xunta de Galicia na aposta pola xestión de áridos reciclados como fórmula para fomentar a economía circular no sector, tal e como se recolle nun estudo realizado en coordinación coa consultora Esmin Ingeniería.

Presentado nun acto en Santiago ante un nutrido grupo de empresas de áridos e xestores de residuos e no que tamén participou a subdirectora xeral de Residuos do Goberno galego, Verónica Tellado, o informe sinala que o obxectivo principal desta iniciativa é optimizar a valorización das máis de 700.000 toneladas de residuos de construción e demolición (RCD) que cada ano se xeran en Galicia.

A construción e a demolición atópanse entre as maiores fontes de residuos en Europa e moitos destes materiais poden reutilizarse. Actualmente, os índices de reutilización e reciclado varían moito entre os diferentes Estados membros da Unión Europea (UE), pero o sector privado está dando cada vez máis pasos para reducir o impacto medioambiental dos seus residuos.

“Enormes sinerxias”

En Galicia hai 82 empresas xestoras autorizadas para a valorización de residuos de construción e demolición, entre as cales se atopan productoras de áridos. A patronal do sector considera que existen “enormes sinerxias” entre a fabricación de áridos naturais e reciclados, e as vantaxes medioambientais son as máis relevantes.

Esta integración de actividades permitiría unha mellor rehabilitación de espazos afectados pola actividade mineira, evitando a xeración de vertedoiros, que cada vez están máis penalizados na UE. Tamén permitiría aproveitar as explotacións xa existentes, sen necesidade de habilitar novos espazos para a reciclaxe de áridos.

No plano medioambiental, a proximidde dos centros de produción e reciclaxe de áridos dos centros de consumo tamén permite minimizar os impactos contaminantes xerados polo transporte e o consumo de combustibles fósiles.

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 73 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 75 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2022 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 46,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal