O colectivo dos áridos asegura que, tras anos de continuos descensos, vivíuse un repunte en 2015 con crecementos moi lixeiros de emprego e producción de áridos, pero neste primeiro cuatrimestre do ano estase a padecer a mesma mala situación dos últimos anos a maior escala. «Estamos nun dos peores momentos históricos para o sector dos áridos», sinalan dende a directiva para reclamar un cambio do modelo produtivo, que poña en valor a importancia dos áridos, e tamén para pedir a revitalización do consumo dos mesmos tanto a través dunha maior licitación de obra pública, completamente parada en 2016, como doutros cambios de carácter estrutural na economía.
Esta cuestión abordarase na asamblea xeral do colectivo que terá lugar, conxuntamente coa presentación da súa primeira memoria anual de actividades editada, correspondente ao ano 2015, o vindeiro venres 29 de abril ás 11.30 horas –en segunda convocatoria– no hotel Puerta del Camino, en Santiago de Compostela.
AGA ten confirmada a presenza nesta xuntanza anual de Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas; Ines Santé, directora do Instituto de Estudos do Territorio; Antonio Dieter Moure, presidente da CEG; Maria Araújo, subdirectora da Escola de Minas; e Angel Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas. Precisamente á conselleira e ao director xeral trasladaráselle de primeira man a preocupación pola baixa licitación de obra pública, pero tamén o agradecemento pola defensa do sector realizada este mesmo mes na comisión de Industria do Parlamento.
«Estamos de acordo coa postura do director xeral manifestada no Parlamento e compartimos a súa defensa do sector porque cremos que é o camiño para que a sociedade se dea conta de que as canteiras, e actividade extractiva en Xeral, existen única e exclusivamente para extraer os materiais necesarios para construír estradas, hospitais, colexios ou vivendas. Somos clave no progreso e ás veces detúrpase inxustamente a nosa imaxe, xa que nós somos os primeiros en defender unha minería responsable e sostible», explicaron dende a xunta directiva de AGA.
Finalmente, en canto á asamblea, tras abordar os aspectos máis formais da asociación, coma os presupostos, estado de altas e baixas e a revisión dos estatutos, procederase á presentación e aprobación da memoria anual de actividades 2015. Este documento, de 64 páxinas, editouse por vez primeira na historia de AGA con información corporativa e dos principais fitos do exercicio. Para concluír a asamblea, haberá intervención das autoridades presentes e un xantar de traballo.