José Lista asume a presidencia da Federación de Áridos de España en representación de Arigal

José Lista asume a presidencia da Federación de Áridos de España en representación de Arigal

  • O representante dos áridos galegos toma o testemuño ao fronte da FdA en substitución de Joaquim Magalló, pertencente ao colectivo do sector na Comunidade Valenciana
  • A Asociación Galega de Áridos valora o nomeamento como un recoñecemento ao traballo desenvolvido en Galicia, sobre todo nas áreas de innovación e medio ambiente

O presidente da Asociación Galega de Áridos (AGA), José Lista Tasende, que accedeu a este posto o pasado mes de xaneiro, redobrará as súas funcións institucionais no sector, xa que acaba de ser nomeado como máximo responsable da Federación de Áridos (FdA), que é a entidade que ostenta a principal representación no ramo en España ao estar integrada polo Gremi d´Àrids de Catalunya, a Asociación de Empresas de Áridos da Comunidade Valenciana (Arival), a Asociación Nacional de Empresarios Fabricantes de Áridos (Anefa) e o citado colectivo galego.

 

José Lista acaba de asumir o cargo en substitución de Joaquim Magalló, que pertence á asociación valenciana, tras efectivizarse un traspaso de poderes que xa estaba acordado previamente polos membros da FdA.

 

Da importancia do nomeamento para a asociación galega, boa conta a grande representatividade da Federación de Áridos no territorio español, xa que, dende a súa creación no ano 2007, defende os intereses das empresas produtoras de áridos nos ámbitos nacional e internacional, representa ao sector cara a Administración Xeral do Estado e integra a preto de 700 industrias que xestionan 1.100 canteiras espalladas por todas as comunidades autónomas.

 

Unha gran oportunidade

AGA valora o nomeamento de José Lista como presidente da FdA como un recoñecemento  ao traballo desenvolvido en Galicia para favorecer o impulso do sector dos áridos, especialmente polas accións realizadas na área de innovación, coa creación da ferramenta de xestión de explosivos Atrazex, xa estendida a gran parte do mercado nacional; e medio ambiente, con moitas actuacións de restauración de espazos e proxectos singulares recoñecidos e premiados en España e Europa. Ademais, a defensa dos intereses lexislativos do sector, a loita contra a erradicación dos materiais ilegais e a aposta pola formación e a seguridade e saúde laboral tamén son outros dos puntos fortes do colectivo, que agora poderá estender ao fronte da federación nacional. 

 

Finalmente, AGA confía en que a asunción da presidencia da FdA supoña unha gran oportunidade para conferir aínda máis visibilidade e repercusión social ao traballo desenvolvido dende Galicia. Esta labor pretende potenciar ao sector como fonte de riqueza e emprego cunha acción empresarial sostible que sexa valorada pola sociedade como fundamental no progreso e no incremento da calidade de vida dos cidadáns ao ser os áridos un elemento imprescindible na construción de estradas, hospitais, centros educativos ou vivendas, entre outras infraestruturas.

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 73 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 75 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2022 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 46,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal