Deste xeito, e con accións tan significativas como a premiada lagoa de Begonte, o lago das Pontes ou a construción do Pazo da Ópera da Coruña nunha canteira, entre outros exemplos, o sector extractivo contribúe con accións medioambientais ao beneficio da cidadanía baixo a filosofía de minería sostible e responsable, polo que se sitúa á cabeza de Europa en rehabilitacións ambientais de espazos afectados polo aproveitamento de recursos minerais naturais. Dentro do sector dos áridos, os principais proxectos desenvolvidos ou en marcha son os seguintes:
- Mina Frades (Mesía). Revexetación dunha mina de cuarzo para favorecer o seu uso agrícola.
- Mina Urxeira (Salvaterra). Recuperación dunha mina de áridos para destinala a construcións de carácter industrial.
- Mina Villalba (Begonte). Revexetación e creación dunha lagoa por medio da integración ambiental dunha canteira de cuarzo. Este proxecto de Erimsa acadou o primeiro premio na categoría medioambiental da Federación de Áridos en 2015 e aspira aos galardóns europeos no presente exercicio.
- Mina Sonia (Mañón). Forte aposta pola revexetación neste espazo de extración de cuarzo para impulsar a integración ambiental da contorna con 25 anos continuados a prol da restauración, polo que constitúe un bo exemplo a prol da biodiversidade de flora e fauna, con especial relevancia no que atinxe aos brezais húmidos atlánticos.
Utilidade dos áridos
Sen esquecer en ningún momento a filosofía de minería sostible e responsable, tamén impulsada pola Cámara Mineira de Galicia, que defende a satisfacción das necesidades da poboación actual sen comprometer a capacidade de xeracións futuras, dende a Asociación Galega de Áridos faise fincapé en que a evolución tecnolóxica do mundo actual está asociada indubidablemente aos avances nas técnicas mineiras. Así, o colectivo lembra que a práctica totalidade das infraestruturas que utilizamos na vida diaria están conformadas por áridos. Estes materiais son imprescindibles para levantar estradas, vías férreas, hospitais, centros educativos e de servizos ou vivendas, así como para elaborar cristais de gafas, pasta de dentes ou vaixelas, entre outros.
A modo de exemplo, AGA explica que para a construción das seguintes infraestruturas precísanse dos seguintes volumes de áridos:
- Un quilómetro de estrada: 10.000 toneladas
- Un quilómetro de autovía: 30.000 toneladas
- Un metro cúbico de formigón: 2 toneladas
- Un quilómetro de vía férrea: 10.000 toneladas
- Unha vivenda unifamiliar: 100-300 toneladas
- Un hospital: 20.000-40.000 toneladas
«Cremos que a importancia dos áridos é máis que constatable tanto na creación de infraestruturas e obxectos como na evolución tecnolóxica que mellora a calidade de vida da nosa sociedade. Por elo, cremos que somos un sector que debe ser recoñecido, especialmente cando, como sucede en Galicia, actuamos co máximo respecto ao territorio e baseamos a nosa actividade empresarial na busca dun rendemento económico e na creación de emprego pero tamén na consecución da sostibilidade e a defensa medioambiental», sinala a xunta directiva de Arigal.