Arigal afonda na seguridade laboral e a prevención de riscos no sector dos áridos nunha xornada técnica

Arigal afonda na seguridade laboral e a prevención de riscos no sector dos áridos nunha xornada técnica

  • A xuntanza, que terá lugar o mércores 28, abordará a prevención de riscos nas minas, a responsabilidade penal e administrativa e a xestión da seguridade
  • Participarán Bernardo Tahoces e Adela Quinzá-Torroja pola Xunta, o fiscal de siniestralidade da Coruña, Luis Anguita, e representantes xurídicos e empresariais

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) segue afondando nas medidas de mellora da seguridade e saúde laboral e na prevención de riscos malia que os índices de siniestralidade do sector en Galicia son baixos. Así, tras a formación de máis de 200 traballadores nas últimas semanas a través dos cursos de seguridade mineira celebrados en distintas canteiras da comunidade, o colectivo celebra o vindeiro mércores, 28 de setembro, a xornada técnica “Responsabilidade empresarial en materia de seguridade e saúde laboral no sector dos áridos”, orientada sobre todo aos industriais e técnicos desta actividade.

A xuntanza, que se celebrará en quenda de mañá dende as 10.30 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela, contará coa presenza da directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja; do director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces; e do presidente de Arigal, José Lista, nas intervencións de apertura. A continuación, abordaranse “A prevención de riscos laborais en empresas mineiras” a cargo do avogado Julio César Valle; “A responsabilidade penal derivada da prevención de riscos laborais” polo fiscal delegado de siniestralidade laboral da Coruña, Luis Anguita; así como outras responsabilidades derivadas do incumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais, como o recargo de prestacións ou as sancións administrativas. Estes aspectos serán explicados por representantes da Seguridade Social.

Finalmente, tratarase a “Xestión da prevención de riscos laborais na empresa” coas aportacións de Florencio Quirós, director de Planta Frades e coordinador de seguridade e saúde de Erimsa; Rebeca Amaranta, responsable de seguridade e saúde de Prebetong Áridos-Grupo Votorantim; Javier Castiñeira, director técnico de Norprevención; e Enrique Mallón, secretario xeral de Asime.

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 73 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 75 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2022 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 46,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal