Arigal lidera a visita empresarial a Bruxelas do sector nacional dos áridos

Arigal lidera a visita empresarial a Bruxelas do sector nacional dos áridos

  • A iniciativa internacional, promovida pola UEPG, prolongarase durante tres xornadas e abordará a situación dos mercados, o crecemento sostible e o medio ambiente
  • A asociación galega defenderá que as administracións promovan accións para igualar o consumo de áridos á media europea, xa que hai 3 toneladas por persoa e ano de diferenza

 

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) vai liderar esta semana a visita empresarial a Bruxelas emprendida polo sector nacional, xa que ostenta na actualidade a presidencia da Federación de Áridos a través da persoa de José Lista, sitúase á cabeza das accións de innovación e de crecemento sostible e medioambiental e vai plantexar a necesidade de que se adopten medidas que contribúan a equiparar o consumo de áridos en España á media europea.

 

Esta iniciativa internacional está promovida pola asociación europea dos áridos (UEPG) para abordar a situación das delegacións autonómicas de todo o continente e para celebrar o acto de entrega dos premios europeos de desenvolvemento sostible, aos que opta Erimsa polo seu proxecto da lagoa de Begonte na Mina Ladra de Vilalba (Lugo). Participarán por parte de España, ademais de Arigal e da federación nacional, representantes de Anefa, o GremiArids catalán e o colectivo valenciano Arival.

 

Este viaxe empresarial arrancou onte cos desprazamentos e unha pequena visita guiada a modo de recepción pola capital europea, pero o contido comezará a abordarse hoxe, martes 15, cunha intensa axenda que inclúe a presentación das institucións europeas coa participación de César Luaces, en representación da UEPG, unha xuntanza coa representación permanente de España ante a UE na que se abordarán cuestións de industria e medio ambiente, a presentación da UEPG a cargo do seu secretario xeral, Dirk Finke, unha visita ao Parlamento e xuntanza con europarlamentarios, un xantar de traballo onde se procederá á presentación do sector dos áridos, unha reunión co staff da UEPG para coñecer a súa estrutura e funcións e unha reunión-coloquio con representantes da Uníón Europea en temas como medio ambiente, crecemento sostible, Europa 2020, recursos e materias primas e mercados.

 

Galicia opta a premio de desenvolvemento sostible

Xa na xornada de mañá, realizarase unha visita aos comités Económico e Social e das Rexións e haberá unha xuntanza de traballo con representantes das comunidades autónomas ante a UE e un coloquio con Jesús Ortiz, presidente da UEPG. Este día rematará coa entrega dos Premios de Desenvolvemento Sostible no Centro Bozar de Bruxelas coa presenza de eurodeputados e unha posterior cea dos galardóns no restaurante Kwint. A estes premios aspira Erimsa polo seu proxectoBegonte Natura”, que gañou o premio nacional 2015 na categoría de boas prácticas medioambientais pola creación dun espectacular ecosistema de natureza e lecer na lagoa de Begonte, situada na ´zona de explotación de Mina Ladra, en Vilalba (Lugo).

 

Durante esta misión empresarial, os representantes de Arigal tratarán de facer ver aos representantes das organizacións europeas e das distintas administracións públicas sobre a necesidade de promover accións que permitan igualar o consumo de áridos de Galicia, situado en 2,25 toneladas por habitante ao ano, e de España, que se sitúa en termos parecidos, á media europea, xa que actualmente hai 3 toneladas das diferenza. Consideran que existe unha distancia inasumible para a viabilidade dun sector estratéxico para o progreso e ademais pedirán que, tras acadar esta cifra, se artellen medidas que permitan mantela de xeito regular e sostible sen grandes oscilacións.

 

 

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 73 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 75 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2022 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 46,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal