A entidade está preparando a súa solicitude de plan de seguridade mineira ante o Goberno central tras recibir a petición de medio milleiro de empregados, que deben renovar a súa formación cada dous anos ao tratarse dun sector sensible e especialmente implicado na mellora constante das condicións de traballo. En principio, programaranse 80 horas de actividades teórico-prácticas no marco deste proxecto global a todo o sector.
Ao respecto, cabe sinalar que Arigal é unha das entidades que encabezan o seu compromiso coa formación a nivel europeo, xa que nos tres últimos anos, incluíndo o presente, acometéronse accións formativas de calado con 690 empregados a través de nove cursos. Ademais, en 2015, todas as iniciativas formativas promovidas pola entidade, dende cursos ata xornadas técnicas, beneficiaron a medio milleiro de persoas e alcanzaron as 20.000 horas de desenvolvemento.
Reducción da siniestralidade
Todas estas actividades do plan formativo de Arigal, que é un dos máis ambiciosos da Unión Europea (UE), permitiron reducir a siniestralidade laboral nun 83% nos derradeiros oito anos, xunto con outras cuestións, como a mellora e modernización das canteiras. Así, segundo os datos oficiais do observatorio de seguridade da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), o Índice de Incidencia da siniestralidade, que calcula a cifra de accidentes por cada milleiro de traballadores, dividíuse por seis dende o ano 2008. Naquel exercicio, este coeficiente situábase en 10.144 puntos e o pasado exercicio pechou en 2.974, situándose a estimación para 2016 en apenas 1.678 puntos. Esta baixa siniestralidade supón un dato histórico “que reflicte os esforzos realizados dende Arigal na área de formación e tamén das empresas para mellorar as condicións de traballo e modernizar as súas instalacións, que están á cabeza do que se fai en Europa”, indicaron dende a xunta directiva.
Por último, e tamén nesta área formativa e de seguridade, Arigal ten en proxecto a creación dun Servizo de Prevención Mancomunado (SPM), que consistiría na posta en marcha dunha iniciativa que conte con especialistas, unifique os criterios de mostreo e postos de traballo, avalíe os datos e impacto da situación, propoña medidas corretoras eficientes e maximice os recursos, garantindo un servizo óptimo cun custe empresarial asumible. Co SPM preténdese acadar a medio prazo o obxectivo “Cero casos” na afección aos traballadores do pó e a sílice, que en todo caso teñen unha incidencia moi baixa nas canteiras de áridos galegas, xa que Arigal controla e monitoriza os datos a través de Secoposi, a súa propia ferramenta de seguemento. Neste punto cabe lembrar que só o 3% das medicións de pó superan o límite de 0,1 miligramos por metro cúbico, cando noutros sectores extractivos alcanzan o 50%.