Na crise das materias primas, a comunidade ten 12 dos 30 minerais estratéxicos para a UE
A Cámara Oficial Mineira de Galicia vén de entregar este venres en Santiago os premios Santa Bárbara, nunha xornada que reuniu á comunidade mineira galega con motivo da celebración da festividade da súa patroa. Cerca dun centenar de asistentes participaron na décimo cuarta edición dos premios, entre eles, representantes da Xunta, organismos oficiais e empresas mineiras. Todo nun momento clave para o sector, onde o impulso da minaría galega pode ser a solución ante crise de materias primas que sufre a industria.
Juan José López Muñoz, presidente da Cámara, remarcou que “a misión do sector mineiro galego é facer todo o posible para o desenvolvemento do potencial empresarial galego”. Galicia, comunidade tradicionalmente mineira, pode aportar 12 dos 30 minerais estratéxicos marcados pola UE. “Aportamos materias primas cada vez máis necesarias e de xeito máis innovador e sostible, empregando equipos multidisciplinares, creativos e diversos, e tendo un impacto positivo nas comunidades rurais nas que estamos a vivir e a traballar”, sinalou.
Cunha visión máis global, Juan José López destacou como mediante a investigación, a minaría galega está cada vez máis alienada cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible da ONU: “Aportando materiais para o desenvolvemento de enerxías renovables, favorecendo a creación de emprego e dunha cadea de valor que englobe a toda a industria, favorecendo a produción e os consumos responsables mediante a minería urbana e a economía circular co aproveitamento de estériles”.
Para isto o presidente da COMG defendeu a cooperación transfronteriza en termos de “seguridade europea, transición enerxética, en mapeo de recursos e en avaliar as potencialidades que temos para o abastecemento de minerais estratéxicos dende as minas activas e os xacementos presentes tanto en Galicia, en España e no norte de Portugal”.
Ademais o presidente quixo remarcar o compromiso das empresas mineiras co desenvolvemento sostible, que en moitos casos se está a materializar na implantación da UNE 22.480 de Xestión mineira sostible nas empresas mineiras galegas mediante convenio asinado coa Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e que terá continuación previsiblemente no 2022.
Como consecuencia, 11 novas empresas de todos os sectores están a piques de obter as certificacións neste ano, sendo a comunidade española con máis explotacións certificadas. A primeira en obtela (tras Caolines de Vimianzo en 2019) foi Refractarios Campo. “Empresa capaz de aportar valor xerado pola propia actividade da empresa nunha contorna tan singular como a Rede Natura”, explicou Juan José López.
Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, referendou as palabras de Juan José López e o apoio da Xunta de Galicia de cara a fortalecer o sector: “Galicia ten un forte compromiso coa minaría sostible, que é sinónimo de compatibilidade co medio ambiente; de desenvolvemento do medio rural; dun aproveitamento racional, ordenado e eficiente dos recursos; e do impulso dos minerais estratéxicos esenciais para o tecido industrial galego, así como para o desenvolvemento económico”.
O vicepresidente segundo destacou que a minaría galega “está en condicións de liderar a aposta pola sustentabilidade e a innovación no sector”. E nese sentido, agradeceu, tanto aos premiados como á Cámara Oficial Mineira de Galicia, que contribúan a reivindicar a potencialidade e a responsabilidade desta industria na comunidade.
Premiados
O premio Traxectoria recaeu sobre Juan de Dios Martín Aparicio, que dedicou toda unha vida ao sector mineiro culminada por case 7 anos de presidencia da COMG, onde conseguiu potenciar a presenza da entidade nas institucións, incrementar o súa prestixio, e potenciar a súa imaxe e repercusión dentro e fóra do sector. O premio Comunicación foi outorgado ao Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos, e recibido por Manuel Regueiro e Pablo Núñez. Polo seu intenso labor de comunicación ao longo deste ano 2021 e a realización de numerosas publicacións relacionadas co sector. O premio Minaría Sostible recaeu sobre o Instituto de Estudos de Territorio polo impulso, creación e difusión da Guía de boas prácticas para a integración paisaxística das actividades extractivas.