- Melide será o primeiro concello con actividade mineira que proxectará este documental, o vindeiro 17 de outubro 2019.
- Seguiranlle A Laracha, Meis e Baralla.
Arigal presenta o seu documental Que sabes dos áridos? en colaboración cos concellos de Melide, Laracha, Meis e Baralla. A proxección acompañarase dun coloquio posterior no que que se tratará o futuro da industria e a súa integración na contorna rural galega.
O obxectivo da reportaxe é mostrar a realidade do sector mineiro, que proporciona á sociedade o segundo recurso máis consumido a nivel mundial só por detrás da auga, e que supón a fixación de emprego e o desenvolvemento en zonas rurais de Galicia.
Tras un ano de investigación para valorar o coñecemento que ten a sociedade galega sobre os áridos, Arigal realizou entrevistas a persoas alleas do sector e a axentes sociais coñecedoras da actividade para gravar este documental en 2018, e así afondar nesta industria e o seu papel na sociedade.
O primeiro concello que acollerá esta xornada será o de Melide, o vindeiro 17 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala de conferencias do Edificio Multiusos. Tras a proxección do documental, terá lugar un coloquio para tratar a realidade desta industria e a súa integración na zona. Á proxección e posterior coloquio asistirán o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e representantes da Asociación de Troiteiros Rio Furelos e da Asociación cultural veciñal Melidá.
O documental tamén se presentará nos concellos de A Laracha, Meis e Baralla nas próximas semanas.