A Asociación Galega de Áridos demanda un maior impulso da Administración á obra pública para seguir medrando a prol da dinamización da economía de Galicia
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2018.- A Asociación Galega de Áridos (Arigal) deu a coñecer hoxe en Santiago, no marco da súa asemblea anual, a Memoria de 2017, que resume a actividade desenvolvida pola entidade e o balance da situación do sector en Galicia. Segundo os datos presentados, os áridos rexistraron unha leve mellora o pasado exercicio con respecto a 2016 en número de explotacións e de emprego, así como en produción e facturación. Porén, as cifras seguen lonxe dos niveis de hai cinco anos.
Ante esta realidade, o sector demanda un maior impulso da Administración á obra pública, coa mellora das infraestruturas e o cumprimento dos prazos na execución dos proxectos presupostados, como é o caso do AVE. Ademais, sinala que boa parte do árido para esta obra vén de Portugal ou de Ávila, cando en Galicia hai explotacións con capacidade para proporcionalo.
Desde Arigal destacan que os áridos, como materiais imprescindibles para a construción, representan un indicador moi preciso do desenvolvemento económico dun país. Por este motivo móstranse insatisfeitos co lixeiro incremento rexistrado en 2017, que “pouco contribúe á dinamización da economía de Galicia” e non reflicte o esforzo de reestruturación e mellora feito polo sector nos últimos anos para facerlle fronte á crise.
O acto de presentación da Memoria anual da Asociación Galega de Áridos, que xa está dispoñible na ligazón, xuntou preto dun cento de empresarios e profesionais da minaría. A sesión contou tamén coa presenza de diversos representantes institucionais, como o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, ou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, quen clausurou o encontro.
DATOS DE 2017
Na Comunidade galega operaron o pasado ano 72 canteiras, o que representa dúas máis que en 2016 e indica unha tendencia crecente desde 2014, cando había 61 explotacións. O emprego incrementouse lixeiramente, cun total de 836 postos de traballo directos, fronte aos 800 de 2016; e 2.841 indirectos, fronte a 2.800.
Canto á produción, os datos reflicten a recuperación con respecto a 2016, cunha suba de case o 10%, ao pasar de 7,74 millóns de toneladas a 8,50. Isto significa que cada galego consumiu 3,14 toneladas de áridos en 2017, fronte ás 2,84 toneladas de 2016. O consumo per cápita mantense así por riba de España, con 2,23 toneladas por habitante, pero aínda lonxe de Europa, cuxo consumo por habitante, segundo datos de 2015, está en 5,1 toneladas.
Ademais, a facturación rexistrou tamén unha suba porcentual de case o 10%, ao pasar de 40,6 millóns de euros a 44,6. A pesar da suba con respecto a 2016, nin a produción nin a facturación chegan ao punto de inflexión que se deu en 2015, cando, con menos explotacións (67) e emprego (805), se alcanzaron 9,64 millóns de toneladas e 50,6 millóns de euros.