O colectivo galego, na súa viaxe empresarial a Bruxelas xunto con representantes da Federación de Áridos (FdA) e de representantes das organizacións catalana e valenciana, estableceu unha produtiva xuntanza con seis deputados españois das comisións de Medio Ambiente, Industria, Asuntos Exteriores, Desenvolvemento e Comercio Internacional. No encontro púxose sobre a mesa, por ambas partes, que non se está a actuar con dilixencia no mantemento de infraestruturas e cada euro non investido nesta tarefa acaba multiplicándose por tres nos posteriores traballos de reparación destas vías.
Ademais, os representantes de Arigal, encabezados polo seu presidente, José Lista, lembraron que as infraestruturas teñen a súa vida útil e durabilidade, polo que é preciso acometer as correspondentes actuacións de mantemento para evitar un posible colapso das mesmas e garantir a seguridade evitando accidentes de gravidade. “Sabemos que non se van acadar os antigos niveis de licitación, pero si se debe apostar por soster as vías existentes, xa que ademais de necesario, é unha medida para reactivar o noso sector, que é estratéxico, posto que sempre vai estar na sociedade”, sinalaron dende Arigal. Finalmente, os europarlamentarios españois lamentaron o impacto da caída de produción de áridos por mor da crise, cifrada nun 80% dende 2008, e valoraron a capacidade de mantemento do emprego polos empresarios, xa que só se cedeu un 50% neste período.
Comité das Rexións
Xa no Comité das Rexións (COR), José Lista reiterou a principal demanda do colectivo galego, consistente nun cambio de modelo produtivo e no artellamento de accións para incrementar o consumo de áridos ata equiparalo á media europea, xa que se sitúa en 2,25 toneladas por habitante e ano fronte ás 5 toneladas da UE. Ademais, a reivindicación de Arigal colleu máis forza tras coñecer o dato de que España sitúase á cola deste parámetro entre os 39 países europeos. “As administracións deben actuar para que a cifra se incremente e logo tomar as medidas que a fagan estable no tempo, como no resto de Europa, xa que iso fará viable ao sector”, explicou.
Polo demais, o viaxe empresarial de Arigal e do resto do sector nacional tamén incluíu xuntanzas co secretario xeral do colectivo europeo, Dirck Fyncke, co que abordaron os obxectivos de mellora do ramo; coa representación permanente de España ante a UE, que tratou o desenvolvemento de plans de xestións rexionais como a Lei do Solo; con membros da Comisión Europea; e co Consello Económico e Social de Europa (CESE).