• Alberto Novoa, presidente de Arigal: “Debemos traballar unidos para maximizar resultados”
• José Bouso, presidente de APEC Lugo: “É o comezo dunha nova etapa de maior colaboración”
15 de xullo do 2021, Lugo. Esta mañá, na sede da Asociación Provincial de Empresas da Construción de Lugo (APEC LUGO), os presidentes da devandita entidade e da Asociación Galega de Áridos ( Arigal) asinaron un convenio de colaboración entre ambas as entidades.
Este convenio permite estreitar e fixar as liñas de traballo comúns de ambas as entidades, que representan sectores moi interrelacionados, como provedores de materias primas e consumidores das mesmas.
Como afirma o presidente de ARIGAL, Alberto Novoa, “Este convenio permitirá compartir esforzos para solucionar problemas comúns, como a escaseza de persoal formado, posto que a idade media dos nosos traballadores é elevada, e temos serias dificultades de substitución”. Por outra banda, o presidente de Apec Lugo, José Bouso, destacou que “este convenio permítenos ofrecer algúns servizos exclusivos de Arigal, como a súa plataforma de xestión de explosivos, Atrazex, líder no territorio nacional para os consumidores de explosivos”.
Outras liñas de traballo a abordar máis adiante é compartir a experiencia do Servizo de Prevención Mancomunado das empresas da construción de Lugo, tamén un referente dentro dos SPM, pola súa elevada cualificación, o que lles permite mellorar as condicións de traballo dos traballadores, ano tras ano.
A firma do convenio desenvolveuse na sede de APEC Lugo, e tras ela, xa se desenvolveu unha reunión de traballo entre os técnicos de ambas as entidades, fixando un calendario de traballo, así como a necesidade de ampliar esta alianza ao resto de sectoriais provinciais, e afíns, para poñer en marcha un Observatorio da Construción, que reúna e consolide os datos dispoñibles. Estes datos permitirán establecer estratexias de mellora continua de ambos os sectores, estratéxicos tanto para o desenvolvemento económico, como para a fixación de poboación no rural galego.