OS ÁRIDOS, A SEGUNDA MATERIA MÁIS CONSUMIDA DO MUNDO

Definimos como árido a todo material granular e inerte, formado por fragmentos de pedra cunha granulometría (tamaño) determinada e de procedencia natural -xeralmente- ou artificial. Os áridos poden ser empregados de xeito illado ou ben como constituíntes dunha trama ou armazón de aglomerado, cuxa utilización é adecuada en diversos ámbitos da construción, fundamentalmente na execución de edificacións e de obra civil (estradas, liñas de ferrocarril, portos...).

A EXTRACCIÓN DOS ÁRIDOS

Os áridos son materias primas minerais extraídas da terra para ser utilizadas, despois de procesos de trituración e clasificación, en diferentes sectores industriais. Para a extracción dos áridos empréganse distintos métodos de arranque das rochas, segundo as diversas clases de xacementos, e obtéñense mediante dous sistemas de explotación: co uso de explosivos e co uso da maquinaria axeitada. Isto dá lugar a dúas clases de explotacións:

  • Canteiras: son as explotacións onde a pedra é compacta e para extraela é necesario o uso de explosivos, mediante voaduras. Posteriormente, este material é triturado e clasificado en función das necesidades.
  • Graveiras: son as explotacións de depósitos de sedimentos, areas e gravas procedentes de depósitos aluviais. Como os materiais están soltos e non son compactos empréganse equipos de arranque mecánico, que extraen a pedra directamente do xacemento para a súa posterior clasificación en varios tamaños e composicións.
Os áridos son un material insustituíble e vital para o desenvolvemento da economía. Neste momento, é a segunda materia prima máis consumida despois da auga e representa máis do 50% dos recursos minerais consumidos. En consecuencia, as canteiras son un elemento esencial e estratéxico para o progreso dun país.

TIPOLOXÍAS DE ÁRIDOS

Debido ás características xeolóxicas e litolóxicas do subsolo de Galicia, a natureza e calidades dos áridos son moi variables, o que conleva a aplicación de diversas técnicas de explotación e procesos de transformación co fin de satisfacer as esixencias do mercado, que son cada vez máis ríxidas en canto á homoxeneidade e calidade do produto final a poñer nas obras. De forma xeral, pode establecerse a seguinte clasificación:

Áridos naturais

Os que se extraen directamente dos xacementos mineiros e utilízanse tras realizar só unha clasificación por tamaños para adaptarse ás esixencias de fabricación do formigón ou a outras prescricións para o seu uso en obra. Supoñen un 90% dos áridos que se extraen para a súa comercialización.

Áridos de trituración

Coñecemos como áridos de trituración aos que se obteñen mediante a conminación de diferentes rochas canteirables ou das granulometrías de rexeitamento dos áridos naturais.

Áridos lixeiros

Son produtos naturais ou artificiais que se empregan para a obtención de pezas ou elementos de obra de baixo peso e/ou illantes.

Áridos artificiais

Os que resultan dun proceso industrial ou mineiro, ou que foron sometidos a algunha modificación físico-química doutro tipo. Son materiais de derruba, utilizables e reciclables.

Áridos reciclados

Son aqueles que resultan da reciclaxe de residuos de demolición ou construción e de cascallos. Representan menos do 1% de todos os áridos que se compran e venden. Ademais, o aproveitamento de áridos reciclados está limitado a determinados usos.

Materiais de préstamo

Denominamos materiais de préstamo a aqueles áridos que poden utilizarse sen modificación das súas características naturais ou ben con pequenas alteracións (adición de produtos estabilizantes ou tratamentos mecánicos). Estes materiais adoitan empregarse na construción de terrapléns e pedrapléns.

Materiais de dique

Bloques, naturais ou artificiais, de formas e características variables, cuxa misión é protexer un dique fronte á acción erosiva das augas mariñas ou canalizadas; debe asegurarse que son estables fronte ás condicións químicas das augas, a ciclos de sequedade / humidade e a outras situacións propias do seu emprazamento.
No caso de Galicia, a variabilidade litolóxica do subsolo determina tanto a natureza dos áridos producidos como a distribución das diferentes explotacións e os usos dos mesmos. As litoloxías explotadas para a produción de áridos en Galicia poden agruparse da seguinte forma:
  • Granitos
  • Diabasas
  • Gabros
  • Anfibolitas
  • Ortogneises
  • Esquistos
  • Cuarcitas e cuarzo filoniano
  • Areniscas
  • Calcarias

APLICACIÓNS DOS ÁRIDOS

Os áridos son materiais básicos e imprescindibles tanto na construción de obras civís (estradas, aeroportos, infraestruturas ferroviarias, etc.) como de edificacións (vivendas, escolas, hospitais, etc.). Por iso, son un indicador moi preciso do desenvolvemento socioeconómico dun país. 

Os áridos pódense empregar directamente ou para fabricar cemento, formigón ou asfalto. Así, entre os principais usos aos que se destinan figuran os seguintes:

  • Áridos para estradas
  • Formigóns e morteiros
  • Balastro de ferrocarril
  • Diques
  • Materiais de préstamo
Os áridos tamén son utilizados na fabricación de cerámica e vidro, aceiro, papel, plásticos, pintura e deterxentes, entre outros produtos. Nestes casos, os áridos empregados requiren unhas propiedades moi específicas, como unha maior pureza e un tamaño moi pequeno.

RESTAURACIÓN DA CONTORNA

Os áridos obtéñense mediante unha intervención temporal sobre o medio natural para o seu aproveitamento mineiro. Trátase dun impacto paisaxístico transitorio producido mentres se desenvolve o labor extractivo e que finaliza cando o lugar da canteira ou graveira é restaurado; ademais, mentres as explotacións están en funcionamento lévanse a cabo múltiples medidas para evitar a contaminación da contorna ou alterar o menos posible o medio ambiente.

Todas as explotacións de áridos están obrigadas por lei a dispor dun proxecto de restauración antes de comezar a fase de extracción. Ese proxecto debe contribuír a que os terreos recuperen, ou incluso melloren, as condicións existentes antes de que o lugar sexa explotado ou adecualo a condicións compatibles co hábitat natural da zona.

As posibilidades de restauración dos espazos explotados son moi diversas e dependen das necesidades e condicións de cada un deles. No caso das canteiras e graveiras, o obxectivo adoita ser o recheo dos ocos creados na fase de extracción, podendo recorrer a diferentes opcións, como, por exemplo, a creación dunha lagoa (neste caso concreto, a formación de lagoas incluso pode contribuír a atraer á zona novas especies animais ou vexetais, proporcionando así aos habitantes do lugar un novo espazo de lecer).

Outra das grandes posibilidades de restauración dunha canteira de áridos é o aproveitamento do buraco para almacenar residuos procedentes da demolición de edificios ou do sector da construción en xeral, denominados RCDS. Empréganse tamén para encher eses buracos os grandes excedentes de terra procedentes da construción de infraestruturas (estradas e autovías, liñas de ferrocarril, etc.).

En todos estes casos, os recheos colócanse de forma planificada por capas ata alcanzar a altura do resto do terreo. A última das capas, a máis superficial, adoita enchese con terra cultivable, xa que posibilita múltiples modelos de restauración: prantación de árbores, parques naturais, pastos para gando, terras de cultivo, etc. Tamén existen outros exemplos de restauración, como a construción de polígonos industriais, a creación de parques tecnolóxicos, urbanizacións, etc.

TRANSPORTE DOS ÁRIDOS

O principal sistema de transporte dos áridos, practicamente único, é o desprazamento por estrada, xa que é o medio que une todos os puntos de produción e de consumo potencial. O árido é un material que se vende a un prezo axustado ao custe de produción e, por esta razón, transportar os áridos máis de 60 quilómetros do lugar de onde se extraen non é nin económica nin medioambientalmente rendible. Por iso, as canteiras e as graveiras deben estar preto dos centros de consumo. O transporte é un factor con moita repercusión económica dentro do ciclo de explotación dos áridos, xa que pode incrementar o custo dos produtos entre un 30% e un 50%.

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 60 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 70 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2015 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 37,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal