Arigal obtén apoio na UE para aumentar o mantemento de infraestruturas e activar o sector tras caer un 80% desde 2008

Arigal obtén apoio na UE para aumentar o mantemento de infraestruturas e activar o sector tras caer un 80% desde 2008

  • O colectivo galego, respaldado por europarlamentarios, lembra que as vías teñen vida útil e que se debe actuar en estradas e ferrocarril para preservar a seguridade vial
  • A Asociación Galega de Áridos reitera a necesidade de cambiar o modelo económico tras coñecer que España sitúase á cola dos 39 países europeos no seu consumo

 

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) conseguíu apoios de institucións europeas e de europarlamentarios españois para reclamar que se incremente de xeito inmediato o investimento público en mantemento de infraestruturas, principalmente estradas e redes de ferrocarril, co triple obxectivo de garantir a seguridade vial dos usuarios ante o seu deterioro, evitar un colapso destas liñas de comunicación polo uso e o paso do tempo e reactivar o sector, que está a sofrer unha situación de estancamento no presente exercicio tras o lixeiro repunte de 2015.

 

O colectivo galego, na súa viaxe empresarial a Bruxelas xunto con representantes da Federación de Áridos (FdA) e de representantes das organizacións catalana e valenciana, estableceu unha produtiva xuntanza con seis deputados españois das comisións de Medio Ambiente, Industria, Asuntos Exteriores, Desenvolvemento e Comercio Internacional. No encontro púxose sobre a mesa, por ambas partes, que non se está a actuar con dilixencia no mantemento de infraestruturas e cada euro non investido nesta tarefa acaba multiplicándose por tres nos posteriores traballos de reparación destas vías.

 

Ademais, os representantes de Arigal, encabezados polo seu presidente, José Lista, lembraron que as infraestruturas teñen a súa vida útil e durabilidade, polo que é preciso acometer as correspondentes actuacións de mantemento para evitar un posible colapso das mesmas e garantir a seguridade evitando accidentes de gravidade. “Sabemos que non se van acadar os antigos niveis de licitación, pero si se debe apostar por soster as vías existentes, xa que ademais de necesario, é unha medida para reactivar o noso sector, que é estratéxico, posto que sempre vai estar na sociedade”, sinalaron dende Arigal. Finalmente, os europarlamentarios españois lamentaron o impacto da caída de produción de áridos por mor da crise, cifrada nun 80% dende 2008, e valoraron a capacidade de mantemento do emprego polos empresarios, xa que se cedeu un 50% neste período.

 

Comité das Rexións

Xa no Comité das Rexións (COR), José Lista reiterou a principal demanda do colectivo galego, consistente nun cambio de modelo produtivo e no artellamento de accións para incrementar o consumo de áridos ata equiparalo á media europea, xa que se sitúa en 2,25 toneladas por habitante e ano fronte ás 5 toneladas da UE. Ademais, a reivindicación de Arigal colleu máis forza tras coñecer o dato de que España sitúase á cola deste parámetro entre os 39 países europeos. “As administracións deben actuar para que a cifra se incremente e logo tomar as medidas que a fagan estable no tempo, como no resto de Europa, xa que iso fará viable ao sector”, explicou.

 

Polo demais, o viaxe empresarial de Arigal e do resto do sector nacional tamén incluíu xuntanzas co secretario xeral do colectivo europeo, Dirck Fyncke, co que abordaron os obxectivos de mellora do ramo; coa representación permanente de España ante a UE, que tratou o desenvolvemento de plans de xestións rexionais como a Lei do Solo; con membros da Comisión Europea; e co Consello Económico e Social de Europa (CESE).

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 73 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 75 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2022 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 46,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal