Tras un ano 2019 coas vendas de áridos á alza, as empresas produtoras enfróntanse ao  COVID-19

Tras un ano 2019 coas vendas de áridos á alza, as empresas produtoras enfróntanse ao COVID-19

•    Galicia incrementou un 6.6%  as vendas deste recurso, que é o segundo máis consumido do mundo tras a auga
•    O sector demanda o mantemento das infraestruturas, para facer fronte á crise da  Covid e avanza cara á economía circular e a excelencia ambiental


A Asociación  Galega de Áridos ( ARIGAL) presentou as cifras de actividade do sector alcanzadas en 2019 durante a súa Asemblea Ordinaria celebrada de maneira telemática esta mañá.


Durante o ano pasado producíronse un total de 10,24 millóns de toneladas de áridos nas canteiras galegas -0.6 millóns máis que en 2018-, o que supuxo un valor de 3,2 millóns de euros.


A senda de recuperación da actividade no sector, que o ano pasado obtivo resultados positivos, a pesar de estar aínda moi lonxe das cifras do resto dos países europeos, truncouse este ano por mor da  COVID-19. Así, durante a asemblea, José Lista, presidente da asociación, explicou que un dos indicadores da prosperidade do sector é o consumo de áridos por habitante: en Galicia cada cidadán consumiu durante 2019 3,79 toneladas de áridos, case 1 tonelada por encima da media española, pero moi por baixo do consumo en Europa, que se sitúa en 5,96 toneladas por habitante.


Ante un 2020 que se presenta con moitas incertezas, Lista destacou a importancia do investimento e mantemento en obra pública, que nos últimos 7 anos non superou o 1% do PIB nacional, tanto para o sector como para a reconstrución económica e social. Os áridos son a esencia de toda construción: estradas, hospitais, portos, ferrocarril... mesmo bases para os aeroxeradores eólicos. Sendo o segundo recurso máis consumido do mundo, a súa produción é un indicativo do desenvolvemento dun país.


Alemaña, Bélxica, Holanda e Francia: destino dos áridos galegos


A situación da construción e a obra pública durante os últimos anos abriu camiño á exploración de novos mercados. Desde 2016,  Arigal realiza accións de internacionalización con axuda de organismos como o Igape.


Grazas a estes esforzos, o ano pasado, as empresas asociadas de  Arigal exportaron 150.000 toneladas de áridos a países como Francia, Bélxica, Holanda e Alemaña a través dos portos galegos, mantendo a senda exportadora iniciada en 2017.


O sector, comprometido co  medioambiente e a sociedade
O sector dos áridos mostrou durante a súa asemblea anual o seu compromiso coa economía circular a través da produción de áridas reciclaxes e a integración no sector da xestión da reciclaxe de Residuos de Construción e Demolición (RCDs).


Os produtores galegos de áridos tomaron a iniciativa de unirse á economía verde para o que están a dar os primeiros pasos para a obtención da Declaración Ambiental de Produto para os áridos que producen,  e a este fin D. César Luaces, director da Federación de  Aridos, interveu na Asemblea para explicar o proceso que se iniciará de inmediato e que vai permitir garantir a sustentabilidade na produción para colocar os áridos galegos nunha posición máis favorable na compra pública verde dentro de Europa.

A industria dos áridos contribúe ao desenvolvemento económico e á dinamización do ámbito rural galego. En Galicia existen 71 canteiras de áridos situadas esta contorna, unha industria que achega 800 empregos directos e case 2.800 indirectos, moitos deles habitantes das localidades onde se asintan as explotacións.


Arigal fomenta a seguridade e a saúde destes empregados, mediante iniciativas como o proxecto  DESA, cuxo obxectivo é converter os centros extractivos en espazos  cardioprotegidos coa instalación de 40 desfibriladores.

 

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 77 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 75 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2015 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 37,5 millóns de euros.