ARIGAL ABORDA NO CÓMIC INFANTIL “LAGARTIÑO E O FUTURO DA CANTEIRA” ILUSTRADO POR MANEL CRÁNEO A RECUPERACIÓN AMBIENTAL DESTES ESPAZOS NATURAIS

ARIGAL ABORDA NO CÓMIC INFANTIL “LAGARTIÑO E O FUTURO DA CANTEIRA” ILUSTRADO POR MANEL CRÁNEO A RECUPERACIÓN AMBIENTAL DESTES ESPAZOS NATURAIS

  - O ilustrador galego Manel Cráneo é o autor do deseños que teñen como protagonistas a dous habitantes destes ecosistemas, o camión dumper Lagartiño e a anduriña Roque.

 - A entidade presentou a campaña de prevención de riscos laborais “Cero accidentes” en 40 explotacións de toda Galicia.

 - Un vídeo documental recolle as opinións que diversos sectores sociais teñen sobre o sector nun exercicio de transparencia e responsabilidade social para mellorar a súa afección.

Arigal, a Asociación Galega de Áridos, presentou esta mañá en rolda de prensa o segundo cómic da entidade debuxado por Manel Cráneo (A Coruña, 1973), “Lagartiño e o futuro da canteira”, que ten como eixo condutor a recuperación da contorna natural unha vez acabada a actividade extractiva. Esta é a segunda ocasión na que o recoñecido ilustrador galego colabora con Arigal, tras a excelente acollida dun primeiro cómic en 2007 no que se abordaba a fabricación dos áridos. Ademais de estar colgado da web de Arigal, A nova tirada de 10.000 unidades, en idioma galego, utilizarase en labores de divulgación.

“En Galicia obtemos bos materiais e facémolo ben, de maneira sostible, polo que necesitamos achegar á sociedade a nosa tarefa. Con este traballo de divulgación marcamos unha diferenza no noso sector xa que comunicamos para todos e con cercanía”, sinalou José Lista, presidente de Arigal que estivo acompañado por Cráneo e por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta.

O protagonista desta publicación infantil volve ser o camión dumper Lagartiño –nas canteiras chámaselles “lagartos”, de aí o nome- que, coa axuda de Roque, unha pequena anduriña dos rochedos (avión zapador, en castelán), que habita neste ecosistema, entenderá os beneficios que trae consigo a reconversión ambiental do espazo para convertelo nunha área recreativa de gran valor natural.  


Ao longo de 24 páxinas, as dúas personaxes forxan unha amizade que os leva pola contorna próxima para coñecer outros proxectos similares e comprobar de preto as variadas posibilidades económicas e sociais que ten a “segunda vida” das canteiras. Roque e Lagartiño visitan o Pazo da Ópera na Coruña, o futuro polígono industrial de Salvaterra de Miño (Pontevedra), ou as Areeiras da Limia en Ourense. Todos lugares dedicados hai anos á extracción de áridos.

Nesta viaxe construída arredor da temática ambiental, Lagartiño e os outros camións da canteira espantan os medos que lles supón a súa reconversión laboral e valoran as vantaxes da creación do novo hábitat tanto para os humanos como para a fauna.

Cabe salientar o éxito da primeiro número da serie de cómics de Lagartiño, publicado en 2007. Esta boa acollida permitiu a súa reedición mellorando textos e algúns retoques.

Vídeo documental


Precisamente, as opinións sobre a actividade extractiva –moitas veces feitas desde o descoñecemento ou os prexuizos- abórdanse no vídeo documental presentado tamén hoxe por Arigal. Así, entrevístase a representantes de varios colectivos sociais residentes nas proximidades dalgunha explotación mineira como os alcaldes de Silleda, Manuel Cuíña (Pontevedra), e Sandiás, Felipe Traveso (Ourense); o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González Prieto, un mestre de primaria e unha traballadora dun espazo coworking de Vigo.

O resultado foi un vídeo de 25 minutos que mostra os aspectos máis controvertidos para minorar a súa afección e melloralos. É, ao fin, un exercicio de transparencia e de responsabilidade social corporativa coa contorna e co propio sector.  

Cero accidentes


O evento tamén foi aproveitado para dar a coñecer o novo plan prevención de riscos laborais no sector dos áridos de Galicia “Cero accidentes”. A pesar de ser unha actividade cunha baixa siniestralidade, como indican as estatísticas, “o único que contemplamos son accidentes 0. Con que só haxa un, xa é unha mala estatística”, recoñece Carlos Martínez Torres, director da Asociación Galega de Aridos.

Esta actuación consiste na elaboración e implantación dun manual para erradicar os accidentes nas canteiras galegas, na formación dos equipos directivos e do persoal técnico e na colocación de paneis de gran tamaño en 40 explotacións de pequeno e mediado tamaño de toda Galicia. Precisamente, desde Arigal destacan a boa acollida destes carteis entre os traballadores e a satisfacción persoal que senten por non contar un só percance laboral actualizando as cifras xa o primeiro día que recibiron o material.

Pola súa banda, a formación realízase ao mesmo tempo que a divulgación do manual. Nestes encontros, faise fincapé no rol de líderes que mandos superiores e intermedios deben asumir para que a plantilla se sinta motivada para interiorizar a nova política laboral.


 



SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 60 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 70 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2015 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 37,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal