CONTINÚA A INTERNACIONALIZACIÓN DOS ÁRIDOS GALEGOS

CONTINÚA A INTERNACIONALIZACIÓN DOS ÁRIDOS GALEGOS

Unha delegación de ARIGAL desprázase a Bruxelas, no marco das accións planificadas para a promoción dos áridos Galegos, co obxectivo de incrementar as exportacións e abrir novos mercados de exportación.

Esta Delegación aproveitará este desprazamento, para reunirse con membros da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo ( EU- OSHA), para tratar as novidades relativas á silice cristalina. 

Santiago de Compostela.- Os próximos días 18 e 19 desenvolveranse en Bruxelas os Comités Europeos da UEPG, Unión Europea de produtores de áridos. Arigal, a Asociación que aglutina ao 95% das canteiras produtoras de áridos da nosa comunidade, acudirá este ano, dentro da campaña de accións que se están desenvolvendo para incrementar as exportacións e abrir novos mercados aos áridos de Galicia poñendo de manifesto as vantaxes competitivas dos áridos producidos en Galicia, tanto en calidade, como en capacidade de produción e loxística. Asistirán a estes Comités Europeos, representantes de todos os países da Unión Europea e países EFTA (Asociación Europea de Libre Comercio da cal forman parte Suíza, Liechtenstein, Noruega e Islandia), para celebrar diferentes reunións técnicas, así como múltiples encontros b2b, onde se expoñerán as características dos áridos de Galicia, e as vantaxes loxísticas que ofrecen as infraestruturas portuarias de Galicia.

Cabe destacar que na actualidade, varias empresas galegas, membros de Arigal, veñen desenvolvendo exportacións a varios destinos, tanto europeos (Bélxica, Holanda, Alemaña e Francia) como fose do continente, tales como Bermuda. Ademais destes encontros de índole comercial, a delegación de ARIGAL reunirase con membros da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo ( EU- OSHA), para a posta en común, e valoración das accións desenvoltas desde o sector en Galicia, e solicitar o apoio da devandita Axencia ao esforzo de ARIGAL e das súas empresas asociadas na loita pola mellora continua das condicións de traballo nos centros de traballo galegos, sempre co obxectivo de protexer a seguridade e a saúde dos traballadores das canteiras galegas de áridos.

 



 

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 73 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 75 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2022 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 46,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal