ARIGAL, AO SERVIZO DOS ASOCIADOS

 

Representatividade

A Asociación Galega de Áridos conta cunha representación maioritaria neste subsector mineiro, xa que integra ao 93% das empresas que operan en Galicia. Entre as funcións, actividades e servizos que Arigal presta aos seu asociados figura a representatividade institucional e social do propio colectivo ante as administracións públicas, institucións, organizacións empresariais e empresas privadas e mesmo ante a sociedade en xeral.

Formación

Arigal está moi comprometida coa formación, tanto en materia laboral como de seguridade, e por iso dispón dun completo Plan de Formación que beneficia anualmente a centos de profesionais vencellados ás empresas asociadas, tanto directivos como traballadores. As iniciativas de formación, que van desde cursos ata xornadas técnicas ou conferencias, desenvólvense de xeito continuo, superando por moito as esixencias lexislativas nesta materia. De feito, Arigal vai organizar en 2017, como cada dous anos, un Plan de Seguridade Mineira avalado polo Goberno central e que contará coa participación de medio milleiro de traballadores.

Asesoría

Arigal presta desde a sede da asociación e xeito continuo un servizo de asesoría técnica para dar resposta a calquera tipo de consulta por parte dos asociados. As principais materias que se abordan neste eido son as seguintes:

  • Consultas sobre cuestións xerais de interese para os asociados
  • A defensa dos dereitos e intereses do sector e especialmente das empresas asociadas ante todo tipo de organismos
  • A elaboración e presentación de calquera clase de escritos, instancias, consultas, denuncias, recursos, etc.
  • A obtención de diversos modelos de contratos

Información

O labor que desenvolve Arigal no apartado da información beneficia aos asociados nunha dobre liña:

  • A transmisión continua de información ás empresas sobre temas que poden resultarlles de interese a través da elaboración de informes periódicos 
  • A información aos asociados sobre cuestións de interese publicadas nos distintos boletíns oficiais: DOUE, BOE, DOG...

Innovación

Tras a consolidación inicial de Arigal como entidade adicada á defensa dos intereses xerais do sector dos áridos, nos últimos tempos a asociación está a dar un paso máis para liderar diversos proxectos de innovación que buscan mellorar o funcionamento e a calidade laboral e económica das empresas. Entre as principais iniciativas desenvolvidas atópanse as seguintes:

  • Atrazex: solución tecnolóxica para a xestión da trazabilidade dos explosivos con fins civís
  • Secoposi: ferramenta para o control e seguemento dos índices de pó e sílice
  • Medio ambiente: incorporación de accións innovadoras na restauración de espazos degradados para destinalos a espazos de lecer, industriais, agrícolas…

Comunicación

Arigal presta un servizo de comunicación xeral a través dun gabinete externo que se encarga da xestión integral da área de comunicación. Así, a asociación pode abordar de xeito profesional cuestións referidas á comunicación interna, ás relacións cos medios de comunicación, á elaboración de contidos sobre as actividades da entidade, á xestión da presenza nos medios dixitais (web e redes sociais) e á redacción e deseño de publicacións propias. Asimesmo, tamén se ofrece asesoramento ás empresas asociadas en casos puntuais.

Xestión

Arigal tamén se encarga de xestionar achegas e subvencións públicas para financiar proxectos de interese común para os asociados, sobre todo en materias como a medioambiental, a da seguridade mineira e a formación e saúde laboral, o deseño de prantas para áridos, o mantemento ou a renovación de maquinaria e cuestións sobre produtos ou reutilización de lodos, entre outras moitas.

 

Promoción

Outros dos cometidos de Arigal son as tarefas de promoción da propia asociación e tamén dos asociados, a través de distintas canles e diante de distintos interlocutores:

  • A promoción das relacións entre as propias empresas que operan no sector
  • Promoción para reforzar a interlocución cos distintos órganos administrativos (ministerios, consellerías, deputacións, concellos...)
  • Fomento das relacións con outras agrupacións de interese (cámaras oficiais, federacións e outras asociacións relacionadas co sector)
  • Integración noutras entidades de interese: AENOR (Arigal ten dous representantes nos Subcomités de Áridos), Federación de Áridos, UPEG…
  • A promoción das propias empresas asociadas a través de internet, medios de comunicación xeralistas, revistas técnicas e publicacións propias

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 60 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 70 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2015 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 37,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal