ATRAZEX, UN PROXECTO DE I+D+i PARA O SECTOR DOS ÁRIDOS

 
A comezos do ano 2014, as canteiras galegas atopáronse co problema de ter que garantir o control da trazabilidade dos explosivos empregados para as voaduras sen que os mercados nacional e europeo ofreceran unha solución axeitada e específica para o sector. Tras realizar unha prospección dos distintos sistemas de xestión, os técnicos de Arigal detectaron unha oferta escasa, sen desenvolvemento tecnolóxico, con gran disparidade de custos e sen un proceso de distribución coas máximas garantías.

Ante esta situación, Arigal iniciou internamente un proceso para deseñar unha ferramenta propia, a raíz dunha xornada técnica celebrada en xullo de 2014 e que contou coa asistencia de empresarios, fabricantes, industriais afíns, efectivos da Garda Civil e representantes de administracións públicas. Tres meses despois iniciouse un estudo de viabilidade e a búsqueda dunha consultora tecnolóxica para o desenvolvemento do software necesario, xa que Atrazex baséase no emprego das TICs para garantir o control integral dos explosivos. Xa a finais de 2014 comezaron as probas de campo con distintos terminais e a fase de desenvolvemento para deseñar unha aplicación de xestión que se caracteriza pola súa operatividade, robustez, sinxeleza e fiabilidade.



Como ferramenta tecnolóxica, Atrazex fíxose realidade nos dous primeiros meses de 2015, permitindo a xestión dos polvoríns dunha maneira moito máis eficaz grazas a senllas aplicacións web e de colleita de datos. A primeira delas encárgase de xestionar os datos en tempo real, permite realizar consultas da trazabilidade dende calquera navegador, xera a documentación para presentar e configura as necesidades de cada explotación, mentres que a parte de recompilación de datos facilita a validación no campo dos pedidos e a confirmación manual ou automática dos mesmos a través de códigos QR.

Este control dos polvoríns, que se leva a cabo con terminais manexables e aptos para ser utilizados nas condicións de traballo reais das canteiras, permite unha xestión simultánea de datos e pedidos a máxima velocidade. Deste xeito, a unificación dos datos en tempo real mellora notablemente o control da trazabilidade e a seguridade no proceso de manipulación dos explosivos, ao desaparecer o papeleo, os envíos e as súas demoras e a necesidade de contar con recursos humanos, non dispoñibles en tempo real, nos procesos informativos.

EN 300 CANTEIRAS DE TODA ESPAÑA

Atrazex comezou a implantarse en canteiras piloto de Galicia e Cataluña en marzo de 2015 mediante varias demostracións de campo e xornadas formativas, así como a través da colaboración de Intervención de Armas e das áreas de Industria e Enerxía do Goberno central. Ao mes siguiente activouse en preto de 150 explotacións de maneira simultánea e cun gran resultado -ao unificar todo o proceso de xestión documental do uso de explosivos e ao favorecer, ademais, o contacto entre os asociados-. Xa a finais de 2016, e ante o éxito obtido pola aplicación, Atrazex estaba a ser empregada por 300 canteras pertencentes a 13 comunidades autónomas.

MENOS PAPELEO

Atrazex simplifica os trámites e a documentación para o control dos explosivos

EN TEMPO REAL

Os terminais utilizados permiten acceder aos datos e modificalos en tempo real

MELLORA CONTINUA

O retorno recibido dos propios usuarios axuda a mellorar a aplicación de forma continuada

SOBRE ARIGAL

A Asociación Galega de Áridos (Arigal) é unha organización empresarial galega integrada por máis de 60 empresas que desevolven a súa actividade nas distintas áreas do sector dos áridos: industria, fabricación, tratamento e distribución. En total, as firmas asociadas operan en 70 centros de actividade e xeran arredor de 3.600 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. No exercicio de 2015 os asociados de Arigal sumaron unha cifra de negocio conxunta de 37,5 millóns de euros.

 

Boletín informativo

Súmate aos centos de persoas que reciben o noso boletín informativo Arigal Novas enviándonos un correo electrónico coa túa solicitude ao seguinte enderezo: info@arigal.gal